Páxinas

Xogando e falando cos números

As actividades que se presentan son experiencias lúdicas que axudan aos nenos e nenas de ed. infantil a construír ideas sobre a numeración. 

1º ACTIVIDADE: COPIAR, EMPAREXAR, COLOCAR NO CADRO. 
Copiar as colocacións de obxectos que teñamos na casa (lentellas, pasta, garavanzos, botóns, tapóns, pedriñas, paus, escarvadentes, chapas, xoguetes) tendo en conta as ilustracións que se mostran na figura de abaixo. O vocabulario matemático a empregar: demasiados, moi poucos, suficientes, insuficientes, seguinte, antes, despois, dirección, diagonal, a través, esquina, borde, debaixo.

Adxunto cadros de 5X5 e 10X10. Pódense imprimir ou debuxar. Elixir a escala en función das necesidades do neno ou nena.
RETO 
Unha vez conseguidas todas as figuras poden inventar outras no cadro e debuxalas nun folla.


2º ACTIVIDADE: ENCHER CADROS. 
Pódese xogar individualmente ou con varios xogadores. Necesitase un dado. Se non dispoñemos dun dado podemos facer números do 1 ata o 6 con puntos en anacos de papel, para a continuación dobralos e metelos nunha caixa, prato ou recipiente que se considere. Descrición: xógase cun taboleiro por cada xogador, utilizando o cadro de 5X5 da actividade 1º e cun máximo de 25 chapas ou fichas para cada participante. Os xogadores van tirando o dado ou collendo os papeis cos puntos da caixa para ir enchendo o cadro de esquerda a dereita e de arriba a abaixo co número que saia. Gaña quen primeiro encha o cadro ou o complete con maior número de fichas. O vocabulario matemático a empregar: tantas como, contar, máis, menos, cantas faltan, arriba, esquerda, dereita, abaixo, sumar, comparar, cheo, baleiro, predicir.



3ª ACTIVIDADE: CONSTRUÍR PATRÓNS CON CORES
Un patrón é un sistema de colocación de obxectos, uns xunto a outros, que se repiten, por exemplo, unha serie de dous colores. Os nenos e nenas son capaces de detectalos desenvolvendo así habilidades de predición e xeneralización. A actividade consiste en construír patróns coloreando o cadro 10X10 tendo en conta os modelos de patróns abaixo propostos. Os pasos a seguir son: escoller un patrón, detectar que patrón se repite e reproducilo na folla utilizando os colores precisos.

RETO:
Conseguidos todos os patróns propostos  poden inventar os nenos e nenas  os seus propios explicando cal é o patrón de repetición

ACTIVIDADE 4: CONSTRUÍR PATRÓNS CON ELEMENTOS DO FOGAR

A actividade consiste en construír patróns (serie de elementos que se repiten cunha orde determinada) utilizando elementos que temos no fogar como poden ser con froitas, cos cubertos da mesa, cos xoguetes como coches,coas pezas construción, animais, coa vaixela como pratos, vasos, etc. Os pasos a seguir poden ser:
• O neno ou nena repite e continua un patrón proposto polo adulto. 
• O nena ou nena inventa un patrón que ten que continuar só ou acompañado por un adulto. 
• O neno ou nena descubre o patrón de repetición que lle propón outra persoa (pai, nai, irmá...). 
 Os patróns poden repetirse de miles de formas diferentes e coa complexidade que cada un queira darlle por exemplo ab, aab, abb, bba, abc, acb, accb, abbc...




5º ACTIVIDADE: o salto da ra. 
Facemos unha recta numérica. Pódese pintar cada cadro, cunha cor diferente para facilitar o conteo. Esta actividade pódese facer todos os días 5 minutos para facilitar o cálculo mental e contar sen pensar. A actividade consiste en colocar a ra o inicio, no número cero, ir propoñendo diferentes formas de saltar. Primeiro que salte de un en un (máis 1) dicindo en alto número que logra co salto ata o último número. Ao chegar ao final salta cara atrás de un en un (menos 1) expresando o número que resulta. Así poden probar a saltar de 2 en 2, tanto para diante como para atrás (sumando e restando). 

O vocabulario matemático a empregar será: un máis, un menos, maior, menor, os números, contar, sumar, restar, cara diante, cara atrás, igual, anticipar, predicir, contar sen pensar. 

A ra pódese facer cun tapón dunha botella pegándolle un ollos de papel e debuxando como a imaxe . Outra proposta cun corcho dunha botella, na parte de arriba pegamos unha cara da ra.

6º ACTIVIDADE: facemos un REKENREK
O rekenrek, tamén chamado “Rack Aritmético” foi desenvolto por investigadores do Instituto Freudenthal de Holanda. Consta de dúas ringleiras con 10 bólas cada unha, separadas en dous grupos de cinco bólas vermellas e cinco brancas. O rekenrek permite visualizar números dentro doutros números, construír números, en grupos de cinco e de dez, usar estratexias como “o dobre..” “a metade”, en definitiva contar desde relacións coñecidas para resolver problemas de sumas e restas. Utilizándoo de forma constante, a curto prazo, as nenas e nenos desenvolveran un claro sentido do número así como estratexias intuitivas para resolver problemas sinxelos. Para facer o rekenrek necesitamos 10 bólas vermellas e dez brancas, dispoñéndoas en dúas filas. Podemos utilizar diferentes materiais de refugallo como brik de leite, paus, soporte do papel hixiénico, cartón, tela, madeira...
 

7º ACTIVIDADE:
Unha vez que teñades feito o voso rekenrek podedes empezar a xogar con el. Se vos fixades en cada fila hai 10 bólas, 5 vermellas e 5 brancas que corresponden aos dedos que tendes en cada man. É importante que saibades que sempre hai que empezar coas bólas colocadas na parte dereita. Para xogar hai que mover ás bólas cara a esquerda. 

Sempre que sexa posible é aconsellable deslizar ás bólas cara a esquerda, en grupos, en lugar de contar ás bolas de unha en unha, movéndoas todas á vez. Empezaríamos movendo 1, 2, 3, 4 , 5, 6, 7, 8, 9, 10... así ata 20 bólas cos nenos e nenas más maiores. Con nenos e nenas máis pequenos xogaremos primeiro só ata o número cinco, cando estean moi familiarizados engadiriamos unha a unha, así sucesivamente ata chegar ao 10. 
NÚMERO 3
AO REMATAR COLOCAMOS NA POSICIÓN INICIAL

Para practicar sería ideal que vos acompañe un adulto dándovos as indicacións: por exemplo “pon o rekenrek en posición inicial, agora cando eu diga o número 3 pénsao mentalmente e move ás contas todas xuntas”. Aquí tendes unha maneira de conseguir o número 8. Ao principio imos a utilizar a fila superior para os número ata o dez. 
AO XOGAR NON PERDAS A CONCENTRACIÓN.

8º ACTIVIDADE: a caixa das flores 
Dous xogadoras ou xogadores.
Con este xogo aprenderás a descompoñer os números como suma doutros. Necesitas unha caixa mediana con pouco fondo con tapa por exemplo unha de zapatos. Nos dous laterais hai que facerlle unha abertura a cada lado para meter por aí as flores. Podedes decorar a tapa con algún debuxo ou poñerlle un nome bonito. Dentro da caixa, colocamos no fondo unha cartolina ou cartón do mesmo tamaño co fondo e o dividimos en 6 partes, van ser as nosas 6 xardineiras. Igualmente podes decorar ou colorear as flores para que luzan máis bonitas. A continuación deberás recortalas. Proba que entren polas aberturas da caixa. Cada xogador ponse por un lado da caixa, repartimos 6 flores a cada xogador. O xogo trata de colocar cada flor en unha xardineira. Empeza un xogador introducindo de 0 a 6 flores (ás que el/ela decida) pola abertura, a continuación o xogador contrario ten que introducir as flores necesarias para que cada xardineira teña unha flor tendo en conta o número que xa puxo o primeiro xogador. Ao principio pódese xogar coa tapa aberta, para reforzar que cada flor ten que estar nunha xardineira. Logo trátase de repetir pero coa tapa. Se un pon 4 o outro/outra deberá poñer 2, un 0 o outro/a 6... Levántase a tapa e comprobase o resultado. Ha de procurarse que o adulto non lle diga se “está ben” o “está mal”, se faltan ou sobran flores, mellor preguntar ao neno ou nena que cre que pasou, ou que podemos facer. É unha actividade para que sexa o neno ou nena que decidan por si mesmos se está correcta. 
Para os nenos e nenas máis pequenos pódese empezar por 4 xardineiras facendo a descomposición do número 4
RETO: cando teñan superado a descomposición do 6 pódese cambiar o fondo por outro dividido en 8 partes, 8 xardineiras. Entón cada xogador tería 8 flores por colocar. Espero que vos guste!!!

Fai click aquí, para ver unha imaxe e as flores.
9º ACTIVIDADE: sudokus sen números
Os sudokus son unha ferramenta excelente para traballar o pensamento lóxico das nenas e nenos dende unha idade moi temperá. Non fai falta que saiban os números, porque poden facerse con calquera obxecto, nin que saiban escribir. Para xogar ao sudoku necesitades unha cartolina dividida en cadros 3X3 e 9 obxectos que se diferencien en algunha característica (teñen que ser iguais 3 a 3) como por exemplo na foto. Podemos utilizar obxectos que teñamos na casa como tapóns, bonecos, letras, animais, formas xeométricas, froitas etc. 
No sudoku trátase de organizar nas filas e nas columnas os obxectos sen que se repitan, que sexan os tres diferentes en cada fila e columna. Os primeiros sudokus, para facilitarlle a comprensión do mesmo colocaranse os obxectos en dúas columnas, de maneira de que o neno ou nena poida completar a terceira, explicándolles que as pezas, tapóns o que se estea utilizando non poden repetirse na mesma fila. Cando teñan dominada esta configuración, podemos, a partir do taboleiro completo, retirar tres ou catro pezas, que xa é unha posición de partida bastante máis difícil. 
RETO: cando esgotemos os recursos da cuadrícula 3x3 podemos pasar a 4x4. Necesítanse 16 obxectos, iguais 4 a 4.


ACTIVIDADE 10: ROUBANDO TAPÓNS
Este xogo trata de eliminar ou capturar todos os tapóns da xogadora ou xogador contrario/a.
Os materiais que se necesitan son 10 tapóns por cada xogador, 20 en total e dous dados. 
As regras do xogo: 
- Numéranse os tapón dende o número 2 ao 12, e dicir, 2, 3, 4,5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12. Non se pode escribir nin o número 0 nin o número 1 
- Colócanse os tapóns para que o noso contrincante os vexa ordenados de menor a maior. 
- O primeiro xogador/a lanza os dados e suma os puntos obtidos para a continuación “roubar” o tapón doutro xogador/a co mesmo número que o resultado obtido de sumar os dados.
- Se os tapóns xa foron eliminados noutras xogadas anteriores, polo tanto, non se pode roubar ningún tapón, pásase o torno ao outro xogador/a. 
- Gaña o primeiro que rouba todos os tapóns do contrario/a. 

Para as nenas e nenos máis pequenos faríase só con 6 tapóns numerados dende o 1 ao 6, é dicir, 1, 2, 3, 4, 5, 6. e un só dado. 

O xogo consistirá en lanzar o dado e quedarse co tapón do xogador/a contrario correspondente á puntuación obtida no lanzamento. Gaña quen roube todos os tapóns ao contrario/a en primeiro lugar. 
RETO: Pódese aumentar a dificultade utilizando 3 dados, necesitando cada xogador/ a 16 tapóns numerados dende o número 3 ata o 18.

ESPERO QUE VOS GUSTE!!!

ACTIVIDADE 11: SUPERSEIS
Este xogo é unha adaptación do xogo chamado “supersix”. O xogo é moi sinxelo poden xogar 2- 3 xogadores/as. 

Os materiais que precisamos son: unha caixa de quesitos ou unha de ovos, 6 fabas por xogador/a e un dado. Na tapa da caixa pegamos 5 chapas ou tapóns e escribimos os números do 1 ao 5. No medio escribimos o número 6 e facemos un burato nel para poder colar as fabas. 

As regras do xogo: 
- Repártense 6 fabas a cada xogador/ a. 
- Na primeira rolda cada xogador/a tira o dado unha vez e vai colocando a faba no tapón co número que saia no dado, sempre que estea libre o tapón. Se tiro o dado, cinco puntiños, coloco unha faba no número 5, e paso quenda para o seguinte xogador/a. 
- Se tiro o dado e sae un número que xa estivera ocupado por unha faba debo collela e pasa a quenda de xogo para o seguinte xogador/as. 
- Se tiro o dado e sae o número 6 meto a faba polo burato do número 6. 
- A partir da segunda rolda o xogador/a pode elixir seguir xogando tirando máis dunha vez o dado, sempre que non estea ocupado o tapón (debe recoller a faba se está ocupado) ou lle saia un 6, ou ben non arriscarse e elixir pasar rolda para que xoguen os seus contrarios/ as. 
- Gaña o xogo o primeiro xogador/a que remate todas as fabas, e dicir, que as meta polo buratiño do número 6. 
A regra de repetir o tiro ou non arriscar fai que este xogo convértase nun xogo matemático moi interesante porque implica que se reflexione sobre a mellor opción analizando como están colocadas as fabas nos tapóns e darse así a aprendizaxe. 
Hai que procurar que o adulto non corrixa dicindo “non tires” “arrisca”, imos promover xustamente que a nena ou neno se pare e pense que é o mellor para a súa estratexia. 
Espero que vos guste tanto como a min!!!

12º ACTIVIDADE: Pecha a caixa 
Pecha a caixa (Shut the box) é un xogo clásico de dados. 
É ideal para reforzar o calculo mental e as descomposicións de números. Consiste nunha caixa no que hai pezas numeradas, neste caso do 1 ao 9, co obxectivo de tombalas todas e pechar a caixa. Podemos construír o noso xogo cunha tapa dunha caixa de zapatos colocando as pezas cos números na parte superior como se ve na fotografía da dereita. Necesitamos dous dados.



Outra forma máis sinxela é utilizando un folio, debuxando e recortando os números en rectángulos como se ve na fotografía inferior.

Poden xogar 1 ou 2 xogadores/as por quendas. 
As regras do xogo son: 
• O primeiro xogador/a lanza os dados e elixe que pezas tombar de entre as que sumen a súa tirada, por exemplo, sae 5 e 3, ten que tirar pezas que sumen 8, neste caso pode tombar a peza do 8 ou ben as pezas 7 e 1 , que suman 8. 
• E así van tirando os dados en cada rolda tombando todas as pezas que sumen a tirada do dado. Gaña quen consiga tombar todas as pezas e pechar a caixa co cal gañaría a rolda.
Espero que vos guste!!!


13º ACTIVIDADE: facemos listas 
Facer listas é unha actividade matemática. Os nosos primeiros pasos matemáticos dámolos cando clasificamos, cando poñemos xunto “todo o que vai xunto”. Para realizar este xogo necesitamos só lapis e papel e un pouco de imaxinación. Empezamos o xogo apuntando ou debuxando nun papel cousas que son... e o número que escollamos. Por exemplo podemos empezar polo 3:

COUSAS QUE SON 3:
* 3 PORQUIÑOS
* 3 MELLIZAS
*
*
*
*

Podedes facer listas para todos os números! Espero que vos guste tanto coma a min!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario